MOCIÓN PARA INSTAR AO CONCELLO A DAR CUMPRIMENTO AO ROM

O Grupo Municipal do Partido Popular, ao amparo do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais presenta ante o Pleno da Corporación Municipal esta MOCIÓN, con base nos motivos e consideracións desenvoltos na seguinte:

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

En virtude e recoñecemento da potestade regulamentaria e a capacidade de autoorganización das Corporacións Locais recoñecida polos Artigos 4 e 20.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, o Artigo 24.b) do Real Decreto 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido das disposicións legais vixentes en materia de Réxime Local, e o Artigo 4 do Real Decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, así como a Lei de administración local de Galicia, Lei 5/1997 do 22 de xullo o Concello de Betanzos adopta o presente acordo constitutivo do Regulamento Orgánico Municipal.

Artigo 1. Obxecto.

O presente Regulamento ten por obxecto regular a organización e o réxime de funcionamento dos Órganos de Goberno e Administración deste Municipio.

No título III, sección segunda, recóllese todo o referente aos debates. O artigo 56 establece “as regras dos debates” e citamos textualmente:

Se se promove o debate, as intervencións serán ordenadas polo Alcalde ou Alcaldesa, conforme ás seguintes regras:

– Só se poderá facer uso da palabra previa autorización do Alcalde ou Alcaldesa.

– As intervencións terán lugar persoalmente e de viva voz.

– Os concelleiros e concelleiras intervirán normalmente por medio do/a portavoz do correspondente grupo municipal.

– Dentro do mesmo Grupo poderanse ceder entre si a quenda que lles corresponda, e todas as intervencións dirixiranse sempre á Corporación e non a un individuo ou fracción desta.

– O debate iniciarase cunha exposición e xustificación da proposta, a cargo dalgún/a membro da Comisión Informativa que a ditaminase ou, nos demais casos, dalgún dos/as membros da Corporación que subscriban a proposición ou moción, en nome propio ou do colectivo e órgano municipal propoñente desta.

– A continuación, os diversos grupos consumirán unha primeira quenda. Os/as voceiros de grupo ou os/as seus membros solicitarán do Alcalde ou Alcaldesa o uso da palabra en forma verbal ou por calquera medio convencional. O Alcalde ou Alcaldesa concederá a palabra aos/ás voceiros seguindo unha orde alternativa de intervencións, iniciadas de forma rotatoria. Os/as concelleiros/as non adscritos disporán do mesmo tempo de intervención en proporción ao que corresponde a cada un dos/as concelleiros/as.

– O Alcalde ou Alcaldesa velará para que todas as intervencións teñan unha duración igual que terán en todo caso unha duración máxima no seu conxunto de 5 minutos nunha primeira quenda por grupo municipal e de 3 minutos na segunda quenda de réplica no seu conxunto e por grupo municipal, cando este fora solicitado . Nos asuntos que pola súa importancia ou complexidade así o requiran, ou por petición de calquera portavoz, o alcalde poderá ampliar a duración das intervencións antes de comezar o debate e velando porque todas teñan idéntica duración.

– Quen se considere aludido/a por unha intervención que implique xuízos de valor sobre a persoa ou a súa conduta poderá solicitar do Alcalde ou Alcaldesa que se conceda unha quenda por alusións, que será breve e concisa, cun máximo dun minuto. A concesión da quenda de alusións será acordada polo Alcalde ou Alcaldesa, previa solicitude e nela non se poderá entrar no fondo do asunto do debate senón só contestar estritamente as alusións realizadas na presente sesión na que se manifesten ou na seguinte que se celebre.

– Consumida esta segunda quenda, a Presidencia poderá dar por terminada a discusión, que se pechará cunha intervención de 3 minutos por parte de quen defendera a proposta, na que manifestará, se a acepta ou non as emendas presentadas.

Rematado o debate e inmediatamente antes do sometemento do asunto a votación, a Presidencia poderá facer uso da palabra por un período máximo de tres minutos, para os efectos de puntualizar ou precisar a súa opinión sobre a cuestión debatida.

Finalizado o debate do asunto, someterase a votación o texto da proposición ou da moción coas emendas aceptadas polo propoñente da iniciativa.

Vimos observando incumprimentos reiterados no referido aos tempos de duración das intervencións. Incumprimentos que vulneran o Regulamento e que nos levan a xerar situacións de desigualdade entre os membros da Corporación Municipal.

 

Por todo iso, e tendo en conta o exposto anteriormente, o Partido Popular somete para a aprobación do Pleno da corporación municipal os seguintes ACORDOS:

  1. – Instar á Alcaldesa- Presidenta a, en virtude das súas atribucións, dar cumprimento ao ROM.
  2. –  Proceder á instalación dun cronómetro que garanta a igualdade no referido aos tempos de intervención.
  3. – Que a Alcaldesa ou concelleiro/a no/a que delegue leve a cabo todos os trámites necesarios para dar cumprimento deste acordo.
SuperWebTricks Loading...