O PP de Betanzos celebra que a Xunta vaia contratar a redacción do proxecto de rehabilitación do CEIP Vales Vilamarín
O conselleiro de Educación explica a Ceci Vázquez que a Xunta fará a licitación a principios de ano para poder desenvolver despois a obra. As estimacións iniciais prevén un investimento de 1 millón de euros
A voceira do PP de Betanzos, Ceci Vázquez, participou hoxe nunha reunión con Román Rodríguez, conselleiro de Educación, onde o representante da Xunta de Galicia avanzou que o seu departamento xa ten todo listo para licitar a principios de ano a redacción do proxecto de rehabilitación do CEIP Francisco Vales Vilamarín.
Trátase da segunda fase desta reforma logo da xa executada e que beneficiará ao 50% restante do centro, sumándose ás melloras desenvoltas no ano 2018.
A estimación é que esta segunda fase teña un investimento de 1 millón de euros que asumirá a propia Xunta de Galicia. Esta cifra concretarase definitivamente unha vez se complete a redacción do proxecto.
Deste xeito, dáse o impulso definitivo á rehabilitación do centro betanceiro, na que xa se leva tempo traballando, tal e como comprometeu o propio conselleiro de Educación na súa última visita ao colexio, a finais do curso pasado.
Cómpre lembrar que a Xunta leva investidos xa 3,5M€ en diferentes melloras neste centro nos últimos anos. Destacan, entre elas, a construción en 2014 dun novo aulario de Infantil, que supuxo un investimento de 2,3M€, así como a primeira fase da rehabilitación integral, acometida en 2018 no edificio principal, unha obra que incluíu o illamento da fachada, a substitución das ventás e das luminarias, cun investimento de 430.000€ por parte da Consellería de Educación.
Aínda que a maioría do alumnado acude xa a aulas renovadas, a mellora afonda no compromiso con este centro acometendo esta segunda fase da rehabilitación, cuxo obxectivo principal será a eficiencia enerxética.