MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL POPULAR SOBRE A NORMATIVA RESPECTO DOS GALIÑEIROS DE AUTOCONSUMO

O Grupo Municipal Popular no concello de Betanzos de acordo co disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais desexa elevar ao Pleno a seguinte Proposta de MOCIÓN.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
En xullo do 2021 o Goberno central publicaba o Real Decreto 637/2021, polo que se regulan as normas básicas de ordenación das granxas avícolas, incluíndo no seu ámbito de aplicación as explotacións de autoconsumo. Isto implica que estas explotacións -currais familiares que crían aves para consumo familiar e que non comercializan nin aves nin os seus produtos (ovos ou carne) deben estar rexistradas no rexistro xeral de explotacións gandeiras.

O artigo 16.5 determina o seguinte: “Los titulares de las explotaciones de autoconsumo, tal y como se definen en el artículo 2.h), estarán obligadas a efectuar una comunicación previa para que se incluyan en el Registro general de explotaciones ganaderas.”

Dende o Partido Popular compartimos o malestar da poboación galega fronte a estes requisitos impostos polo Goberno central ao supoñer máis carga burocrática e trabas para aqueles propietarios que non sacan ningún beneficio económico destas explotacións ao non poder comercializar.

Temos constancia que dende a Xunta de Galicia se presentaron alegacións en cada un dos trámites de desenvolvemento normativo seguido polo Real Decreto 637/2021, do 27 de xullo, e que estas non foron atendidas. Unha vez máis o Goberno central impuxo á sociedade unha normativa que non atende ás especificidades do noso territorio. Concretamente unha das peticións do goberno galego era que as explotacións de autoconsumo deberían quedar fóra do ámbito de aplicación deste Real Decreto, coa cal estamos en total consonancia.

As oficinas rurais, que é o organismo encargado de atender este tipo de consultas e rexistrar as explotacións de xeito gratuíto, están tendo unha maior carga de traballo xa que atendendo á normativa vixente son as responsables de asesorar e rexistrar estas explotacións.

Non obstante, a pesares de que os cidadáns teñen a posibilidade de rexistrarse e recibir o código REGA de maneira online, en moitas ocasións, dita poboación non ten os coñecementos e accesos suficientes para facelo, o cal supón unha complicación máis.

Lamentamos que o Goberno central non teña en conta ás comunidades autónomas e continúe no seu empeño de lexislar de costas ao territorio, sen atender ás peculiaridades de cada zona.

En Galicia, dada a particular estrutura de poboación existente no territorio, poderíase estimar unha cifra de máis de 50.000 explotacións coa súa correspondente actividade, que supón unha carga de traballo inxente e pouco eficaz.

Insistimos que o sector primario soporta unha carga burocrática excesiva, tanto profesional como para aquelas de autoconsumo, que implica un abandono tanto das explotacións e desaparición das mesmas como tamén fomentase o abandono do rural.

Ante esta situación, proponse ao Pleno da Corporación de Betanzos a adopción dos seguintes ACORDOS:

1- “Instar ao Goberno de España a que modifique o Real Decreto 637/2021, de 27 de xullo, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas avícolas, para suprimir a obrigatoriedade de rexistro das explotacións avícolas para autoconsumo, agás decisión da autoridade competente naquelas explotacións en función do risco sanitario ou criterios de ordenación sectorial da Comunidade Autónoma.”

2- Que a alcaldesa ou concelleiro/a no/a que delegue, leve a bo fin o citado acordo.

SuperWebTricks Loading...