MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL POPULAR PARA O NOMEAMENTO DE FRANCISCO DÍAZ COMO FILLO PREDILECTO DE BETANZOS
O Grupo Municipal Popular no concello de Betanzos. con arreglo ao disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais desexa elevar ao Pleno Municipal a seguinte Proposta de MOCIÓN,
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Francisco Manuel Díaz Pereira, coñecido por betanceiras e betanceiros así como fora do término municipal de Betanzos como “Pachico”, adicou máis de vinteoito anos da súa vida a exercer como concelleiro da nosa cidade. Máis de vinteoito anos de entrega profesional e persoal que atesouran importantes logros sociais e principalmente no eido da cultura, carteira que liderou de 1983 a 2011, en beneficio de Betanzos.
Destacamos, entre as súas contribucións:
– A recuperación da Banda Municipal.
– A creación e consolidación da Feira Franca Medieval.
– Os cursos de gráfica e a xénese da Fundación CIEC, xunto ao noso benquerido e ilustre, tamén fillo predilecto, Jesús Núñez.
– O compromiso constante co Arquivo e Biblioteca Municipais e co Anuario Brigantino.
A contribución e o impulso de múltiples iniciativas culturais que tiveron a Betanzos como destino. É o caso da revitalización da Semana Santa ou o apoio a tradicións como as danzas gremiais, entre outras. Son labores nas cales Francisco Díaz Pereira demostrou, ao longo da súa carreira, un forte compromiso co fomento da cultura na nosa terra.
Máis aló do seu labor profesional, “Pachico” demostrou amor e lealdade á nosa cidade, consolidándose como un verdadeiro embaixador da nosa identidade cultural. Proba de todo o mencionado é a homenaxe na que, recentemente participaron máis de dous centos de persoas, e pola que queremos deixar constancia pública da noraboa e recoñecemento ao comité organizador
Polo exposto, o Grupo Municipal Popular no concello de Betanzos, presenta a seguinte:
PROPOSTA DE ACORDOS
- Instar ao goberno local de Betanzos a realizar todos os trámites necesarios para facer efectiva a iniciativa de nomear Fillo Predilecto da cidade de Betanzos a Francisco Manuel Díaz Pereira, “ Pachico”.
- Que a Alcaldesa ou concelleiro/a no/a que delegue, leve a bo fin os citados acordos.