Moción para que o Concello de Betanzos inicie os trámites para a declaración do casco histórico como Área Rexurbe

O grupo municipal do PP, ao amparo do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Reglamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais presenta ante o Pleno da Corporación Municipal esta MOCIÓN, con base nos motivos e consideracións desenvoltos na seguinte:

Exposición de Motivos:

 A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovacións urbanas de Galicia, ten como finalidade esencial que a través da rehabilitación , da rexeneración e a renovación poida conservarse o rico patrimonio edificatorio, tanto no ámbito rural como nas vilas e cidades galegas, manter os seus usos característicos e a súa poboación tradicional, e tamén atraer as novas xeracións para que se poidan asentar en espazos renovados. Todo elo dende a perspectiva de que a mellor forma de conservar é habitar os espazos e xerar actividade.

Para iso é necesario  superar a situación de deterioración de moitos ámbitos, tanto urbanos coma rurais, loitando contra as causas que o abandono, non só dun rico patrimonio cultural, senón tamén do núcleo poboacional no cal se insiren.

Entre as ferramentas que a lei prevé como adecuadas para acadar estes obxectivos está a regulación específica das intervencións que se poden acometer nos edificios con protección cultural ou que están situados en ámbitos de protección de bens culturais, eliminando as barreiras á rehabilitación cando esta sexa plenamente compatible coa protección dos elementos e das edificacións que a merezan. A lei procura ese obxectivo distinguindo claramente entre os distintos niveis de protección cultural dos edificios, ou do entorno no que se emprazan, de modo que se poida  facilitar e axilizar aquelas  actuacións de recuperación do noso patrimonio edificatorio que ao non afectar aos valores protexidos, sexan plenamente compatibles coa protección cultural.

A citada Lei, nos artigo 46 e seguintes, crea e define unha nova figura chamada ÁREA DE REXENERACIÓN URBANA DE INTERESE AUTONÓMICO ( REXURBE)

Tal e como recolle a Lei de rehabilitación, correspóndelle ao concello solicitar a declaración dunha Área Rexurbe ante o IGVS cunha proposta que delimite o ámbito de actuación así como unha estratexia ou folla de ruta de dinamización social, económica e comercial da área sobre a que actuar que permita asentar poboación, tecido empresarial. comercio e hostalaría así como recuperar e poñer en valor o patrimonio histórico-artístico de Betanzos.

Por todo o exposto anteriormente, o Partido Popular somete para a aprobación do Pleno da corporación municipal os seguintes

 

ACORDOS:

  1. Que o goberno municipal leve a cabo as accións necesarias para a solicitude da declaración de área REXURBE.

 

  1. Que a Alcaldesa ou Concelleira/o no/a que delegue leven a bo término estos acordos.

Betanzos, a 21 de novembro de 2019

Cecilia Vázquez Suárez

Portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular.

Sra. Alcaldesa-Presidenta do Excmo. Concello de Betanzos.

SuperWebTricks Loading...