MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL POPULAR PARA SUMARSE AO GALP GOLFO ÁRTABRO

O Grupo Municipal Popular no concello de Betanzos. con arreglo ao disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais desexa elevar ao Pleno Municipal a seguinte Proposta de MOCIÓN,

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 

O Golfo Ártabro é a denominación común coa que se coñece a unión das rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol, cuxa autoría corresponde ao xeógrafo Otero Pedrayo, e que dunha maneira natural atende a un accidente xeográfico que permitiu unir estes espazos e morfoloxía ao redor da súa particular historia. Coincide co final da costa da Morte e o principio das Rías Altas.

O desenvolvemento local participativo é levado a práctica mediante un planeamento ascendente por asociacións locais cuxos membros pertenzan aos sectores públicos e privados e á sociedade civil e que representen adecuadamente á sociedade local.

O desenvolvemento local participativo nas zonas pesqueiras está gobernado polos grupos de acción local do sector pesqueiro, en adiante GALP, e lévase a cabo a través de estratexias de desenvolvemento local integradas e baseadas nas zonas.

Os grupos de acción local do sector pesqueiro son asociacións sen ánimo de lucro constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación e da normativa de aplicación do Estado e da Comunidade Autónoma.

As asociacións recoñecidas como GALP permiten a integración de todas as entidades asociativas e de representación de intereses colectivos, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, así como administracións locais e entidades públicas dependentes destas, dentro do ámbito territorial correspondente.

No noso territorio existen dúas entidades GALP,

Golfo Ártabro Norte, integrado polos concellos de Ferrol, Neda, Fene, Narón, Ares, Mugardos, Cabanas, Pontedeume, Miño e  Paderne.

Golfo Ártabro Sur, integrado polos concellos da Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Sada.

Considerando a importancia do desenvolvemento sostible e a valorización dos nosos recursos marítimos, propoñemos a adhesión do noso concello a algún dos GALP do golfo ártabro, xa que entendemos que esta integración permitirá:

  1. Desenvolvemento Económico: Acceso a fondos e recursos para fomentar a actividade pesqueira e promover iniciativas que diversifiquen a economía local.
  2. Sustentabilidade: Implementación de prácticas sostibles que protexan os nosos ecosistemas mariños e a biodiversidade.
  3. Participación Cidadá: Impulsar a participación da comunidade na toma de decisións relacionadas co desenvolvemento local e a xestión dos recursos.
  4. Colaboración: Fomentar sinerxias entre sectores, mellorando a cooperación entre asociacións, empresas e administracións.

A adhesión ao GALP supón unha oportunidade estratéxica para Betanzos, aliñándose coas políticas de desenvolvemento local e protección do medio ambiente.

 

Polo exposto, o Grupo Municipal Popular no concello de Betanzos, presenta a seguinte;

 

PROPOSTA DE ACORDO

 

1) Proponse ao Pleno do Concello de Betanzos a aprobación da adhesión ao GALP, autorizando á alcaldesa ou persoa en quen delegure para asinar os documentos necesarios e realizar as xestións pertinentes para formalizar esta integración.

SuperWebTricks Loading...