MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL POPULAR PARA A COMPRA DA CASA GÓTICA
O Grupo Municipal Popular no Concello de Betanzos. con arreglo ao disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais desexa elevar ao Pleno Municipal a seguinte Proposta de MOCIÓN,
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O pasado luns 10 de xuño publicouse no DOG unha resolución que ten por obxecto convocar, para a anualidade de 2024, o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (en diante, Fondo de cooperación).
Poderán acceder ao financiamento a través do Fondo de cooperación os concellos de menos de 50.000 habitantes.
Con cargo ao Fondo de cooperación poderán financiarse, total ou parcialmente, as seguintes actuacións:
- a) As promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia ou a lexislación urbanística, en relación cos deberes de conservación e rehabilitación.
- b) As de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído.
- c) A adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.
- d) A elaboración de plans especiais de protección.
- Poderanse financiar as actuacións iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude de acceso ao financiamento, sempre que estean en execución nesa data.
- As actuacións obxecto de financiamento deberán executarse no prazo máximo de catro anos, nos supostos previstos nas letras a), b) e d) do número 1, e de dous anos, para os casos establecidos na letra c). Estes prazos empezarán a contar desde o día seguinte ao da data de sinatura do correspondente convenio de financiamento.
Quinto. Condicións de financiamento
- Ningún concello poderá presentar unha ou varias solicitudes de disposición de fondos que, individual ou conxuntamente, excedan o 25 % do total do importe con que está dotado o Fondo de cooperación, é decir, un máximo de 600.396 €. Non se admitirán aquelas solicitudes que superen o dito límite.
- O prazo para a reposición das cantidades percibidas con cargo ao Fondo de cooperación será o establecido na resolución de aprobación do financiamento, sen que poida exceder os oito anos, contados desde o día seguinte ao da data da formalización do correspondente convenio.
- A reposición das cantidades correspondentes a cada anualidade deberá realizarse antes do 30 de setembro de cada ano.
- O importe que vai repoñer o concello en cada anualidade non poderá ser inferior ao 10 % do importe total transferido.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2024.
Polo exposto, o Grupo Municipal Popular no concello de Betanzos, presenta a seguinte;
PROPOSTA DE ACORDOS
- Instar ao goberno local de Betanzos a estudar e valorar a posibilidade de mercar e rehabilitar a Casa Gótica no marco do fondo de cooperación da Xunta de Galicia.
- Que a Alcaldesa ou concelleiro/a no/a que delegue, leve a bo fin os citados acordos.