Cecilia Vázquez lamenta que a alcaldesa non volvera contar cos representantes da oposición na celebración do pleno infantil

  • Agarda que o goberno local rectifique e invite a representantes do resto das opcións políticas que compoñen a corporación local.

 

A voceira popular comentou que “a democracia baséase en principios universais, como a igualdade dos cidadáns ante a Lei, a participación política nas eleccións libres, a posibilidade de ser elixido ou elector e a alternancia no exercicio do poder”.

A portavoz do PP no concello de Betanzos, Cecilia Vázquez, lamenta que unha vez máis a alcaldesa evitou convidar os partidos da oposición á celebración do pleno infantil. A concelleira popular asegurou que se fai unha mala difusión dos valores democráticos ao intentar, unha e outra vez, ocultar á oposición, a súa función e o seu traballo, que son fundamentais para o control e  a fiscalización do partido no poder. Neste sentido, Vázquez indicou que a alcaldesa, ao non contar coa presenza de representantes da oposición nas aulas de Francisco Vales Villamarín “o que representou é no mellor dos casos unha reunión de concelleiros socialistas ou quizais o que quería representar eran as formas do goberno dun réxime totalitario ”.

 

Así, Cecilia Vázquez comentou “a democracia baséase en principios universais, como a igualdade dos cidadáns ante a lei, a participación política nas eleccións libres, a posibilidade de ser elixida ou electora e a alternancia no exercicio do poder. “Estes son algúns dos principios que inspiran o réxime constitucional do 78 e que todos debemos facer noso, especialmente cando desempeñamos cargos públicos”. “Estes valores son os que a alcaldesa e o seu equipo deben esforzarse en difundir e transmitir aos nenos e ao resto da sociedade”, comentou. “Entendemos que é unha tarefa complexa, inda máis cando non se practiquen, como é o caso do goberno local de Betanzos”, dixo.

 

A política popular esixe que o próximo pleno infantil, que segundo a propia alcaldesa se celebrará no colexio Atocha, estean convidados e teñan a participación dos partidos da oposición na corporación municipal do concello de Betanzos. Non facelo significaría repetir un comportamento de ocultación, dirixido a subverter os valores democráticos que deben rexer as accións de calquera institución pública. Como se di na Constitución española e en calquera constitución de calquera Estado Democrático e de Dereito.

SuperWebTricks Loading...