MOCIÓN PARA INSTAR AO CONCELLO A MODIFICAR AO ROM.
- O Grupo Municipal do Partido Popular, ao amparo do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais presenta ante o Pleno da Corporación Municipal esta MOCIÓN, con base nos motivos e consideracións desenvoltos na seguinte:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.
En virtude e recoñecemento da potestade regulamentaria e a capacidade de autoorganización das Corporacións Locais recoñecida polos Artigos 4 e 20.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, o Artigo 24.b) do Real Decreto 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido das disposicións legais vixentes en materia de Réxime Local, e o Artigo 4 do Real Decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, así como a Lei de administración local de Galicia, Lei 5/1997 do 22 de xullo o Concello de Betanzos adopta o presente acordo constitutivo do Regulamento Orgánico Municipal.
Artigo 50. Lugar e duración das sesións.
- O Pleno celebrará as súas sesións na Casa Consistorial, salvo nos supostos de forza maior nos que, a través da convocatoria ou por Decreto de Alcaldía ditada previamente e notificada a todos os membros da Corporación, poderá habilitarse outro edificio ou local para ese efecto. En calquera caso, esta circunstancia farase constar no Acta.
Toda sesión, sexa ordinaria ou extraordinaria, haberá de respectar o principio de unidade de acto e procurarase que termine no mesmo día do seu comezo. Se este rematara sen que se debateran todos os asuntos incluídos na orde do día, a Presidencia poderá levantar a sesión. Neste caso os asuntos non debatidos deberanse de incluír na orde do día da seguinte sesión. O Alcalde ou Alcaldesa, segundo o seu prudente criterio e en atención ao volume e complexidade dos asuntos para tratar poderá dispoñer dun ou máis descansos ao longo da sesión, coa advertencia da hora en que se continuará a sesión.
- Os membros da corporación poderán atoparse en lugares distintos ao lugar de celebración da sesión a condición de que se asegure por medios electrónicos, considerándose tamén tales os telefónicos, e audiovisuais, a identidade dos devanditos membros, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión.
En todo caso debe quedar garantida a participación do membro corporativo na votación dos asuntos a tratar, o cal equivale á garantía de expresar de forma inequívoca o sentido do voto e da súa liberdade para emitilo. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos as audioconferencias e as videoconferencias.
- Para facer uso da posibilidade recollida no parágrafo anterior, incluíndo a facultade de realizar o voto telemático, esta debe solicitarse por parte do membro do órgano colexiado cun mínimo de 3 días de antelación con respecto da convocatoria da sesión, indicando e acreditando na devandita solicitude que se atopa nunha situación de baixa por risco durante o embarazo, que goza do permiso de maternidade ou paternidade, ou ben que padece enfermidade prolongada grave que clara e xustificadamente impide a súa asistencia persoal á sesión.
En tales casos a Presidencia indicará ao comezo da sesión, aos sós efectos do cómputo do quórum legal de asistencia para considerar válidamente constituído o órgano, o nome das persoas que teleasistirán á sesión.
- Exclúense da posibilidade de participación a distancia:
- a) O Pleno de constitución da entidade local.
- b) A elección de alcalde ou alcaldesa, e de Presidente ou Presidenta da entidade local.
- c) A moción de censura.
- d) A cuestión de confianza.
- En todo caso, cando concorran situacións excepcionais de forza maior, de grave risco colectivo, ou catástrofes públicas que impidan ou dificulten de maneira grave o normal funcionamento do réxime presencial das sesións dos órganos colexiados do Concello de Betanzos, estes poderán, apreciada a concorrencia da situación descrita por parte do Alcalde ou Alcaldesa, ou quen válidamente lles substitúa, ao efecto da convocatoria de acordo coa normativa vixente, constituírse, celebrar sesións e adoptar acordos a distancia por medios electrónicos e telemáticos.
Así mesmo, deberase asegurar a comunicación entre os membros corporativos en tempo real durante a sesión, dispóndose os medios necesarios para garantir o carácter público ou segredo das mesmas segundo proceda legalmente en cada caso. Aos efectos anteriores, considéranse medios electrónicos válidos as audioconferencias, videoconferencias, ou outros sistemas tecnolóxicos ou audiovisuais que garantan adecuadamente a seguridade tecnolóxica, a efectiva participación política dos seus membros, a validez do debate e votación dos acordos que se adopten.
- Os órganos colexiados que non sexan de goberno poderán celebrarse de xeito telemático a condición de que se asegure por medios electrónicos, considerándose tamén tales os telefónicos, e audiovisuais, a identidade dos devanditos membros, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión.
En todo caso debe quedar garantida a participación do membro corporativo na votación dos asuntos a tratar, o cal equivale á garantía de expresar de forma inequívoca o sentido do voto e da súa liberdade para emitilo. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos as audioconferencias e as videoconferencias.
As circunstancias actuais xeraron un escenario no que os concelleiros/as debido a motivos laborais ou persoais, a miúdo non poden asistir fisicamente aos plenos do Concello. A pandemia de COVID-19 e os avances nas tecnoloxías da comunicación demostraron que as reunións telemáticas non só son viables, senón que ademais, poden facilitar unha participación máis activa e flexible nos asuntos municipais para toda a Corporación e principalmente, para as concelleiras e concelleiros que compatibilizan a súas obrigas de carácter laboral coas municipais.
Consideramos necesario actualizar o Regulamento Orgánico Municipal para permitir a asistencia telemática aos plenos daqueles/as concelleiros/as que, por razóns laboráis ou calquera outra xustificada, non poidan estar presentes de forma física. Esta medida non só promovería a inclusión e a participación activa de todos os membros do Pleno, senón que tamén sería coherente cos principios de participación, eficiencia e aproveitamento das novas tecnoloxías.
Para garantir a integridade do Pleno e a transparencia dos debates, as sesións telemáticas deberán contar cun sistema de conexión fiable que permita a identificación do concelleiro, a súa intervención nos debates e a expresión do seu voto. O acceso á sesión será exclusivo para os membros do Pleno e os técnicos
Esta modificación ten como obxectivo mellorar a participación e a representatividade de todos os concelleiros, permitindo que aqueles que non poidan asistir aos plenos de maneira presencial por motivos laborais poidan seguir cumprindo coas súas responsabilidades democráticas mediante a asistencia telemática. Ao mesmo tempo, garántese que a dinámica do Pleno non se vexa alterada, mantendo a transparencia, a integridade das decisións e o acceso igualitario á información e o debate. A proposta busca garantir unha maior flexibilidade e accesibilidade na participación dos concelleiros nos plenos municipais, recoñecendo as realidades laborais dos mesmos, sen menoscabar a súa capacidade de intervención nos asuntos municipais. A incorporación da asistencia telemática non só responde a un interese práctico, senón que tamén promove a modernización e a adaptación das institucións locais aos tempos actuais.
Por todo iso, e tendo en conta o exposto anteriormente, o Partido Popular somete para a aprobación do Pleno da corporación municipal os seguintes ACORDOS:
1.- Instar ao goberno municipal a modificar o ROM no relativo á participación dos concelleiros e concelleiras, así como de calquer veciño ou veciña que ben por situación laboral ou dificultades de accesibilidade non o poda facer de forma presencial.
“Os concelleiros poderán asistir aos plenos municipais de forma presencial ou telemática, previa solicitude e xustificación da causa, especialmente cando se trate de motivos laborais que impidan a presenza física no Pleno. A solicitude deberá presentarse con antelación e será aprobada pola Presidencia do Pleno ou, no seu caso, polo Pleno Municipal. A asistencia telemática será posible sempre que se garanta a conectividade adecuada e a plena participación do concelleiro nos debates e decisións.”
2.-Proceder á instalación dun cronómetro que garantice a igualdade no referido aos tempos de intervención.
3.-Que a Alcaldesa ou concelleiro/a no/a que delegue leve a cabo todos os trámites necesarios para dar cumprimento deste acordo.