MOCIÓN PARA INSTAR AO CONCELLO A MELLORAR A PROPOSTA DE COMUNIDADE ENERXÉTICA LOCAL
O Grupo Municipal do Partido Popular, ao amparo do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta ante o Pleno da Corporación Municipal esta MOCIÓN, con base aos motivos e consideracións desenvoltos na seguinte:
Exposición de motivos:
O Grupo Municipal do Partido Popular, no seu compromiso coa loita contra o cambio climático e a promoción dun modelo de desenvolvemento sostible, considera fundamental avanzar cara á autosuficiencia enerxética e a redución da dependencia de fontes fósiles.
As Comunidades Enerxéticas Locais (CEL) constitúen unha ferramenta clave para acadar estes obxectivos, permitindo que a cidadanía, as empresas e as entidades locais xeren, consuman e xestionen enerxía renovable de maneira colaborativa e descentralizada.
A lexislación vixente en materia enerxética —como a Lei 24/2013 do Sector Eléctrico e o Real Decreto 244/2019— abre a porta á creación destas comunidades, que favorecen un modelo máis xusto, participativo e eficiente de xestión da enerxía.
A creación dunha CEL en Betanzos permitiría:
- Impulsar a sustentabilidade e contribuír aos obxectivos de descarbonización.
- Reducir os custos enerxéticos para veciñanza e empresas locais.
- Xerar emprego verde no ámbito das enerxías renovables.
- Fomentar a participación cidadá na transición enerxética.
- Incrementar o control local sobre os recursos e prezos da enerxía.
A posta en marcha da comunidade enerxética debe incluír unha fase inicial de estudo e diagnóstico, a identificación das fontes renovables dispoñibles (solar, eólica, biomasa), a definición dunha estrutura legal de xestión (cooperativa, asociación ou outra fórmula axeitada), e a captación de socios e financiamento público ou privado.
A nivel técnico, prevese a instalación de infraestruturas como paneis solares en edificios municipais ou tellados comunitarios, sistemas de almacenamento enerxético e unha rede intelixente de distribución que permita compartir e optimizar o uso da enerxía xerada.
O Concello debe liderar esta iniciativa, actuando como motor do cambio e facilitando a implicación de todos os axentes locais. Tal e como anunciaron en abril do 2023 o Concello ten previsto promover a creación dunha comunidade enexética local centrada na zona do Carregal, hai xa un ano en abril do 2024 celebraron una xuntanza para informar aos veciños interesados dos pasos a seguir para a creación de dita Comunidade Enerxética.
Nas últimas eleccións municipáis en maio do 2023 o Partido Popular encargou un estudo sobre as posibles ubicacións para a creación dunha comunidade enerxética, que amplía considerablemente a proposta anunciada polo goberno municipal, do que adxuntamos unha copia os membros da corporación.
Neste estudo se contemplan as seguintes ubicacións:
- Matadero
- Escolas
- Mercado
- Plz.Constitución
- Liceo
- Biblioteca
- Complexo deportivo
Cunha xeración estimada total de 718.000 kWh / ano
Betanzos pode e debe ser un exemplo de transición enerxética xusta, sostible e participativa.
Por todo isto, sometemos ao Pleno da Corporación Municipal do Concello de Betanzos os seguintes acordos:
- Impulsar a creación dunha Comunidade Enerxética Local en Betanzos, promovendo a participación activa da cidadanía, empresas e entidades locais.
- Constituír un grupo de traballo municipal que coordine o proxecto, co apoio de técnicos, representantes veciñais e do tecido empresarial local.
- Explorar vías de financiamento, tanto públicas (subvencións da Xunta de Galicia, fondos europeos, IDAE…) como privadas ou de participación colectiva (crowdfunding).
- Informar e sensibilizar á veciñanza sobre os beneficios das comunidades enerxéticas e facilitar a súa participación activa no deseño e posta en marcha da iniciativa.
- Que a Alcaldesa ou concelleiro/a no/a que delegue, leve a bo fin os citados acordos.