MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL POPULAR PARA INSTAR AO CONCELLO A DAR CUMPRIMENTO Á ORDENANZA DE LIMPEZA VIARIA

O Grupo Municipal Popular no concello de Betanzos de acordo co disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais desexa elevar ao Pleno a seguinte Proposta de MOCIÓN.

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

En maio do ano 2012 entraba en vigor, no noso Concello, a aplicación da Ordenanza municipal de limpeza viaria. Ordenanza, que según versa no seu preámbulo, ten por obxecto regular, dentro da esfera das competencias municipais, a limpeza das vías, e ornato público establecendo unhas normas xerais de actuación ao respecto, así como un sistema de infraccións e sancións para o caso de incumprimento.

Con iso, preténdese facer do municipio de Betanzos un lugar máis hixiénico, máis limpo e habitable, de maneira que a veciñanza poida colaborar e ser partícipe da mellora hixiénica que o aumento e crecemento continuo do concello require.

A razón desta Ordenanza é, esencialmente, orientar, informar e, no seu caso, sancionar á cidadanía, no seu desenvolvemento cotián no medio en que está inserido, no ámbito municipal, en todo o relativo á limpeza viaria, así como, a través de unha maior concienciación cidadá, colaborar para que noso municipio permaneza limpo, evitando con iso que os custos de limpeza viaria se disparen por ter que recorrer a un aumento desorbitado dos medios.

A citada Ordenanza adica o capítulo V á tenza de animais na vía pública e súa repercusión respecto da limpeza, e no artigo 26, fai referencia á retirada de excrementos nos espazos públicos, e establece:

  1. En todos os casos, a persoa que conduza o animal está obrigada a recoller e retirar os excrementos e a limpeza da parte da vía pública afectada.
  2. O condutor do animal poderá, de acordo co que dispón o apartado anterior liberar as deposicións de maneira hixienicamente aceptable, perfectamente pechadas, nos elementos de contención indicados polos servizos municipais e no seu defecto nos colectores de lixo.

Tamén establece o artigo 28 as sancións por incumprimento na retirada de excrementos.

Pensamos que todos somos coñecedores do incremento considerable de excrementos nas rúas da nosa cidade. Excrementos que non so afean os espazos públicos de Betanzos senón que provocan caídas, discusións e malestar entre a veciñanza ademais de representar un foco potencial de infecións, principalmente para as nenas e nenos e as persoas en cadeira de rodas.

 

Ante esta situación, proponse ao Pleno da Corporación de Betanzos a adopción dos seguintes ACORDOS:

  1. Impulsar unha campaña de sensibilización na poboación, para subraiar a importancia de recoller os excrementos, así como para recordar que beirarrúas, xardíns e parques infantís son zonas de deposición prohibidas.
  2. Poñer a disposición dos propietarios de animais dispensadores de bolsas para recoller os excrementos.
  3. Incrementar a vixiancia e imposición de sancións por non recoller os excrementos, segundo a citada Ordenanza.
  4. Que a alcaldesa ou concelleiro/a no/a que delegue, leve a bo fin os citados acordos.

 

SuperWebTricks Loading...