MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL POPULAR PARA A ADOPCIÓN DE MEDIDAS DE SEGURIDADE VIAL NA DP- 0906
O Grupo Municipal Popular no Concello de Betanzos. con arreglo ao disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais desexa elevar ao Pleno Municipal a seguinte Proposta de MOCIÓN,
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A Asemblea Xeral de Nacións Unidas proclamou o pasado 18 de agosto de 2020 o período 2021-2030 como Segundo Decenio de Acción pola Seguridade viaria xa que en 2020 non se alcanzou a meta 3.6 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 de redución á metade do número de vítimas mortais e feridos graves en accidentes de tráfico. Trátase dunha oportunidade a nivel mundial para que a seguridade viaria sexa considerada un aspecto para ter en conta nas políticas públicas de todos os países.
Os patróns de mobilidade atópanse nun proceso de cambio profundo. Cada vez máis persoas optan por usar a bicicleta e camiñar, xa sexa por consideracións ambientais ou por motivos de saúde e benestar persoais, o cal significa que hai máis usuarios vulnerables e desprotexidos nas estradas. Unhas políticas de mobilidade activa máis firmes, poden supoñer un punto de inflexión á hora de reducir as emisións de CO2, mellorar a calidade do aire e reducir a conxestión do tráfico. Pero as medidas que estimulan estas opcións de mobilidade tamén deben ter en conta de forma sistemática consideracións relativas á seguridade.
Calcúlase que as infraestruturas viarias e os arredores das estradas son un factor que contribúe a máis do 30 % dos accidentes de tráfico. Unhas estradas ben deseñadas e adecuadamente mantidas poden reducir a probabilidade de accidentes de tráfico. A identificación dos riscos e a cualificación da seguridade de forma sistemática, é dicir, avaliacións proactivas ademais de análises reactivas máis tradicionais de lugares con alta concentración de accidentes, son ferramentas útiles para avaliar a calidade da seguridade da rede viaria
Ademais, as normas revisadas preparan o terreo para lograr uns niveis máis elevados de automatización nos vehículos, ao iniciar os traballos relativos ás especificacións para a eficacia da sinalización e as marcas viarias, incluída a súa localización, visibilidade e retrorreflectividade.
O peatón é o principal protagonista da mobilidade e debería de ser o centro de atención fundamental respeto da seguridade vial e da comodidade.
Temos constancia que na DP-0906, estrada provincial que rexistra altos niveis de tráfico rodado, ao seu paso por Caraña, A Xerpe, Touriñao, entre outros, a meirande parte dos conductores non respectan os límites de velocidade establecidos, poñendo en situación de risco extremo á veciñanza que utiliza o sistema de transporte público así como senda peonil, principalmente nenas e nenos e persoas maiores, que se ven na obriga de cruzar a estrada para acceder ás paradas de autobús.
Curvas con pouca visibilidade, estado lamentable do firme, inexistencia de pasos de peóns, así como manifestos excesos de velocidade están a poñer en perigo a seguridade da veciñanza.
Polo exposto, o Grupo Municipal Popular no Concello de Betanzos, presenta a seguinte;
PROPOSTA DE ACORDOS:
- Instar á Deputación Provincial da Coruña a proceder a reparar o firme, beirarrúas así como sinalizar pasos de peóns nas inmediacións das paradas de autobús.
- Instar á Deputación Provincial da Coruña a establecer un sistema de control de velocidade que garanta a seguridade dos peóns.
- Instar á Deputación Provincial da Coruña a reforzar a seguridade do vial á altura da estrada que comunica co camposanto municipal.
- Que a Alcaldesa ou concelleiro/a no/a que delegue, leve a bo fin os citados acordos.