MANIFESTO DO GRUPO MUNICIPAL POPULAR CON MOTIVO DO 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O impacto de xénero da covid-19, ou como a crise ocasionada pola covid-19 lle afecta de xeito diferente a mulleres e a homes, ten sido analizado por distintos organismos, internacionais, nacionais e tamén autonómicos.

 

Destacan todos os informes o rol das mulleres na xestión da pandemia. Segundo a ONU, as mulleres desempeñan un papel imprescindible na loita contra a covid-19: como principais coidadoras nos fogares, nas redes familiares e os espazos comunitarios, traballadoras e profesionais no sector da saúde, sobre representadas nos servizos de limpeza, traballadoras domésticas e en servizos básicos (como supermercados e farmacias).  As tarefas de coidado dentro dos fogares están a recaer maioritariamente nas mulleres, que, polo xeral, teñen a responsabilidade de atender a familiares enfermos, persoas maiores e dependentes e nenos e nenas.

 

Indica o IMIO (Instituto de la Mujer y para la igualdad de oportunidades) que as mulleres seguen realizando a maior parte do traballo doméstico e de coidado de persoas dependentes, remunerado e non remunerado, asumindo tamén unha maior carga mental derivada da mesma.

 

Un dos grandes retos é a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar. A desigual repartición das responsabilidades familiares e das tarefas do fogar constitúe un dos principais obstáculos para que a participación, a permanencia e a promoción das mulleres na esfera laboral se produza de forma plena.

É indubidable que a plena igualdade no ámbito laboral só será posible se existe unha asunción equitativa do traballo doméstico e de coidados no ámbito do fogar. Temos que apostar por un modelo de sociedade corresponsable no que homes e mulleres compartan de maneira equilibrada responsabilidades domésticas e familiares, no marco do necesario cambio cultural en torno aos usos do tempo.

É necesario impulsar a concienciación do conxunto da sociedade en favor dunha organización social corresponsable e de horarios máis racionais, así como reforzar os recursos destinados á conciliación da vida laboral, persoal e familiar.

Outra importante transformación que é estrutural, e que será tamén imprescindible de cara a conseguir a conciliación real, é o cambio na xestión global dos tempos. Isto pasa por facer fronte ao necesario debate da racionalización horaria a nivel global, buscando un novo pacto social de xestión racional e xusta dos tempos entre a cidadanía, o ámbito da empresa privada e a administración, tanto a nivel estatal, cómo autonómico e local.

As medidas tanto de conciliación como de racionalización horaria teñen sen dúbida efectos moi positivos sobre a calidade do emprego e o benestar social. Nun paso máis alá, está demostrado que as políticas de igualdade e nomeadamente as medidas de conciliación poden ser un importante alento ás políticas demográficas.

Se un dos camiños que conducen ao emprego de calidade e ao benestar social son as políticas de conciliación, outro non menos importante é o da formación e o coñecemento. Precisamente pola inxusta distribución da responsabilidade da conciliación, moitas mulleres viron e aínda ven dificultada a súa inserción no mercado laboral e tamén as súas posibilidades de formación e desenvolvemento.

A corresponsabilidade é labor do conxunto da sociedade, das administracións públicas, axentes sociais, organizacións empresariais e instancias privadas, e entre todos debemos traballar para fomentala e crear sinerxias que redunden nunha organización social na que sexa máis fácil para todos e todas harmonizar a vida privada e a laboral.

É fundamental seguir apoiando o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade, incluíndo os postos de decisión e influencia, á vez que cómpre seguir traballando para derrubar os obstáculos que dificultan a incorporación en condicións de igualdade e a promoción profesional das mulleres en ámbitos como o da ciencia. Para iso, ademais da aplicación de políticas específicas, resulta imprescindible seguir traballando para eliminar os estereotipos e roles que sustentan a desigualdade de xénero.

A conciliación e a corresponsabilidade requiren a realización dunha reflexión sobre o mercado laboral, o modelo educativo, de idade, de urbanismo, de servizos, é fundamental incorporar a perspectiva de xénero de forma transversal nas políticas que se desenvolvan.

Debemos facer unha aposta clara e decidida, dende o noso concello,  para seguir profundizando nas políticas efectivas de conciliación e corresponsabilidade, xa que son un dos mellores instrumentos para a revitalización da nosa sociedade.

O avance socieconómico, cultural e social de Betanzos e de Galicia, vai depender ineludiblemente de que mulleres e homes partan do mesmo lugar para poder alcanzar as mesmas metas, sen que os obstáculos por razón de xénero constitúan unha limitación para o desenvolvemento persoal nos distintos ámbitos da vida das persoas.

SuperWebTricks Loading...