Coñece a Cecilia Vázquez

“Betanzos necesita recuperar a ilusión e o peso que perdeu como cabeceira de comarca”

 

Cecilia Vázquez Suárez (Betanzos, 1977) leva toda a súa vida entregada á súa vocación: o servizo público. Sempre vencella ás iniciativas e ás políticas xuvenís, primeiro como presidenta da Asociación Xuvenil Brigantium e despois como Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Agora, aos seus 41 anos afronta un dos retos máis importantes da súa carreira: recuperar o esplendor dunha cidade que nos últimos tempos foi perdendo peso na súa posición como cabeceira de comarca. Esa cidade é a súa, Betanzos. O lugar no que naceu e medrou, onde deu os seus primeiros pasos profesionais e ao que espera devolver ao lugar que lle corresponde.

 

  • Deixas atrás un posto de alta dirección na Xunta de Galicia para presentarte á Alcaldía de Betanzos. Por que decides dar ese paso?

Esta é a miña cidade, onde nacín, onde crecín e onde sigo vivindo. Levo anos vendo como pouco a pouco Betanzos foi perdendo a súa esencia e a súa posición como cabeceira de comarca. Os máis novos vense obrigados a deixar a cidade pola falta de oportunidades laborais e de alternativas de ocio para eles, o noso patrimonio cultural cae a cachos, a industria diminúe, as rúas están descoidadas, etc. En definitiva, somos moitos e moitas os que non queremos ver á nosa cidade así. Betanzos ten un importante potencial que se está desperdiciando. Iso é o que fai que dea este paso, as ganas de devolver a esta cidade ao lugar que merece.

 

«Betanzos ten un importante potencial que se está desperdiciando. Iso é o que fai que dea este paso, as ganas de devolver a esta cidade ao lugar que merece.»

 

  • En que vai a axudar esa experiencia na Administración galega no teu traballo en Betanzos?

O meu paso pola Xunta implicou grandes responsabilidades e unha alta exixencia, dous aspectos que axudarán á miña xestión como alcaldesa en beneficio de todos os betanceiros e betanceiras, que na actualidade teñen que presenciar despropósitos como o de perder importantes axudas porque desde o Goberno local non se presentou a documentación en prazo. Tiven a honra de formar parte durante anos dun goberno responsable, como o de Alberto Núñez Feijóo, comprometido co benestar das persoas e que ofrece respostas ás necesidades de todos os galegos e galegas. Esa mesma filosofía é a que trasladarei a Betanzos: a dun Goberno municipal responsable co diñeiro público, comprometido co benestar dos seus veciños e que ofreza respostas a todas esas carencias e necesidades que nos están facendo chegar nas reunións que estamos tendo con todo o tecido asociativo da cidade e con aqueles cidadáns que, a título particular, puxéronse en contacto connosco.

 

  • Sempre estiveches moi vencellada á xuventude, un segmento da poboación clave para o futuro de Betanzos.

Claro! Unha sorte para min, sempre rodeada de mozos e mozas con tantas inquedanzas sociais e culturais. Desde 1999 ata 2012 fun presidenta da Asociación Xuvenil Brigantium, desde a que puxemos en marcha intercambios e iniciativas xuvenís e de voluntariado. E como directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado contribuín a que Galicia sexa a comunidade con máis e mellores políticas  para a mocidade e das máis innovadoras na inserción laboral da xuventude. Por suposto, creo que os máis novos teñen que ser protagonistas do cambio que necesita Betanzos e desde o Goberno local temos que dar respostas ás súas necesidades e inquedanzas.

 

«Os máis novos teñen que ser protagonistas do cambio que necesita Betanzos»

 

  • Como é o Betanzos que Cecilia Vázquez e o seu equipo desexan?

Esta cidade necesita recuperar a ilusión e o peso que perdeu nestes anos como cabeceira de comarca. Queremos un Betanzos limpo e conservado, que xere emprego, que coide e respecte o seu medio ambiente e o seu rico patrimonio cultural, arquitectónico e inmaterial. Queremos un Betanzos que ofreza aos seus veciños e veciñas servizos de calidade. Que se preocupe realmente por quen máis o necesita: polos seus nenos, pola mocidade, polos seus maiores e por aqueles que peor o están pasando. Queremos que o concello volva ser a casa de todos os betanceiros e betanceiras, gobernaremos para todos e con todos. Soñamos cun Betanzos do que nos podamos volver a sentir orgullosos.

 

  • Cal é a situación actual da cidade? Que balance fas da última lexislatura?

O abandono é total. Teño 41 anos e non lembro un Betanzos tan descoidado e desatendido. Creo que esta foi a lexislatura do pasotismo: abandonáronse servizos básicos como o mantemento, as políticas sociais ou a limpeza. Este deixamento repercutiu e moito na imaxe da nosa cidade. Un panorama desolador que queremos cambiar. Non se pode gobernar de costas á realidade e iso é o que pasou nestes últimos anos. O Goberno local esqueceuse por completo do rural, perdéronse importantes subvencións pola súa mala xestión, existe un alto número de empregados municipais en fraude de lei… Desgraciadamente esta é unha pregunta que dá para moito.

 

  • Por que decidiches meterte en política?

A miña vocación é o servizo público, isto levoume desde pequena á participación política: primeiro como delegada de clase, que xa empezaba a dar a lata, despois como presidenta da Asociación Xuvenil Brigantium… ata hoxe! Cando Jaime Pita me levaba á escola xa lle preguntaba cando me podía afiliar ao partido. Só tiña doce anos!

 

«É unha honra contribuír a que Galicia sexa das comunidades con máis e mellores políticas dirixidas á mocidade.»

 

  • Como te definirías?

Son una traballadora incansable, como moitos betanceiros e betanceiras, optimista, moi sociable, soñadora e cunha clara vocación: o servizo público. Hai quen di que son un pouco testuda e pode que teñan razón.

 

  • De que logro profesional estás máis orgullosa?

Non podería destacar ningún logro por encima doutro. Síntome orgullosa de axudar a mellorar a vida das persoas, dos mozos e mozas en particular. Como dicía, é unha honra contribuír a que Galicia sexa das comunidades con máis e mellores políticas dirixidas á mocidade e a súa inclusión no mundo laboral. Programas como Iniciativa Xove, Emprural ou os Campos de traballo son unha boa mostra. Este último estivo dous anos seguidos no Pasatempo de Betanzos, algo que me fixo especial ilusión.

 

 

Cecilia Vázquez

Cecilia Vázquez

Candidata a alcaldía de Betanzos

«Tras casi 4 anos dirixindo as políticas de xuventude e voluntariado da Xunta, agora toda a miña experiencia adicada á miña cidade, Betanzos»

2015- 2018

Directora  Xeral de  Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia.

 

2011-2015

 Coordinadora da  Rede  Galega de Dinamización  Xuvenil.

  

2009- 2010

 Responsable da Oficina Transfronteiriza de Información Xuvenil. Galicia- Norte de Portugal.

  

2007- 2015

 Xerente de empresas agroalimentarias e gandeiras.

  

1999- 2012

Presidenta da Asociación Xuvenil  Brigantium.

 

Un pouco máis sobre min…

 

Un lugar ao que escapar?

Calquera pobo con mar, reláxame moito o mar.

O teu recuncho favorito de Betanzos?

A praza do Lastras, en Santa María.

Un  recordo de meniña?

Cando me bañaba nun  pío de lavar a roupa, en  Caraña, en casa dos meus tíos Lola e Tomás.

Unha  virtude?

A constancia.

Un defecto?

Son  un pouco testuda, eso din, jaja.

Un libro?

Memorias  dun  neno  labrego.

Un grupo de música?

El Último de la Fila.

Unha película?

Memorias de África

Con  quen tomarías unha cervexa?

Con calquera que así o desexe. Encantaríame facelo con Justin  Trudeau, primeiro ministro canadense.

Con  quen  non?

Non rexeitaría a ninguén.

Unha frase que  che marcara?

Excusatio  non  petita  acusatio  manifesta

Un  desexo?

Ter a confianza dos meus veciños

Un  soño?

Un Betanzos esplendoroso, san, coidado, que xere emprego, cheo de nenos, novos e maiores, e que todos podamos compartir actividades e vida

Unha afección?

Ler, é unha das miñas paixóns.